Radius: Off
Radius:
km Radio de xeolocalización
Atopar

A ASOCIACIÓN A PONTE DA COBELUDA PROMOVE PARA ESTE DOMINGO A III ANDAINA SOLIDARIA

Neda, 29 de Xuño de 2018. A Asociación Cultura e Recreativa a Ponte da Cobeluda de Neda organiza para este domingo (día 1 de xullo) a celebración da terceira Andaina Ponte da Cobeluda que, igual que as dúas anteriores, terá carácter solidario. Así, os participantes non pagarán inscrición pero terán que contribuír cada un deles cun quilo de alimentos non perecedoiros que despois serán entregados ao banco de alimentos do Concello de Neda. A administración local colabora coa organización do programa. A recadación do ano pasado superou os 200 quilos.
A entidade ofrece tres posibilidades para todas aquelas persoas que desexen tomar parte na iniciativa. Están pensadas para que nin a idade nin algunhas limitacións físicas se convertan nunha barreira á hora de participar unha convocatoria que xa está a contar con moitos seguidores en toda a comarca.
Para os máis expertos e deportistas, a sociedade promove unha ruta de 18 quilómetros que sairá ás nove da mañá e que discorrirá pola Cobeluda, Anca, A Fervenza e Louseira.
A segunda opción, cuxa distancia será de 6 quilómetros, dará comezo ás once da mañá e pasará pola Cobeluda, Liñares, igrexa dos Remedios, Rego dos Gatos e Chisqueira.
A ruta enfocada aos menores, cuxa duración será de 45 minutos e con dous quilómetros de percorrido, saíra ás doce e terá como escenario a contorna da Cobeluda.
A área recreativa situada na zona será tanto o punto de saída como de chegada das rutas. Unha vez que todas as probas teñan finalizado a asociación organiza un xantar á beira do río para o que xa foi necesario anotarse. Un total de 170 persoas tomarán parte nel. O menú inclúe churrasco, criollos, liscos, patacas, pan, bebidas, sobremesa e café. Ademais haberá inchables para os nenos e, se o tempo o permite, tamén estará aberta a zona de baño.