Radius: Off
Radius:
km Radio de xeolocalización
Atopar

A CONSTRUCIÓN DA PISTA POLIDEPORTIVA DOS SUBARREIROS ENTROU HOXE NA SÚA RECTA FINAL

A CONSTRUCIÓN DA PISTA POLIDEPORTIVA DOS SUBARREIROS ENTROU HOXE NA SÚA RECTA FINAL

Neda, 6 de maio de 2019.- A construción da pista polideportiva dos Subarreiros entrou hoxe na súa recta final co traballo de formigonado do chan que desde primeiras horas está levando a cabo a empresa adxudicataria -Excavacións Roberto SL- dun proxecto, cuxo orzamento no seu conxunto ascende a 82.000 euros. Ao finalizar esta xornada, teranse botado os 140 metros cúbicos de formigón necesarios para a realización dunha superficie de 1.125 m2. A pista foi pensada para acoller tanto competicións como a práctica regular de deportes como o baloncesto, balonmán, fútbol sala, voleibol e tenis. Tratarase dunha estrutura non cuberta pero terá un peche perimetral. O estado actual das obras tamén pasa pola instalación das primeiras mesas con asentos incorporados e pola plantación de árbores para crear a zona recreativa que viña demandando a veciñanza do casco histórico da vila de Neda. O proxecto completarase coa construción dun novo parque infantil que ocupará unha superficie de 130 metros cadrados e que terá catro torres que dará lugar a múltiples xogos a base de tobogáns, balancíns e pirámides de corda. O Concello tamén está a espera da autorización da Demarcación de Costas de Galicia para incorporar á zona unha pista de skate e un circuíto de bicicletas de inercia (pumptruck). Estas dúas intervencións están orzamentadas en 18.000 euros máis do gasto inicial previsto. En total serán máis de 2.000 metros cadrados os que se ocuparán con estas novas infraestruturas, dos case 14.000 que no 2017 foron cedidos polo Ministerio de Transición Ecolóxica, antes Ministerio de Agricultura y Pesca, Alimentación y Medio Ambiente, ao Concello de Neda por un período de trinta anos.