Radius: Off
Radius:
km Radio de xeolocalización
Atopar

A INAUGURACIÓN DO BANCO DO MIRADOIRO DE ANCOS SERÁ O DÍA 1 DE MAIO, FESTA DOS TRABALLADORES

Neda, 20 de Abril de 2018.- O 1 de maio, Día Internacional dos Traballadores, é a data prevista para a instalación do banco de Ancos, obra e compromiso persoal do carpinteiro Juan Manuel Mosquera coa veciñanza de Neda. O Concello de Neda estará presente no acto. Como pasos previos á colocación definitiva dunha obra realizada en madeira reutilizada de teca, Mosquera está a contar coa colaboración dun grupo de veciños do municipio que traballarán desinteresadamente para darlle as máximas garantías de uso a unha peza de máis de 100 quilogramos de peso e metro e medio de largo. Esta axuda materializarase este sábado coa a construción dunha plataforma sobre a que será instalada a peza. A base xa utilizada hai anos para a realización do propio miradoiro servirá agora para a colocación dunha peza que tratará a rivalizar en popularidade co xa famoso banco de Loiba (Ortigueira).
Esta primeira intervención terá continuidade o seguinte sábado, día 28 de abril, coa instalación dun pequeno peche para evitar posibles caídas, sobre todo entre a xente miuda e as persoas que desexen contemplar, sobre unha altura de 262 metros, unha das mellores vistas que existen da ría de Ferrol. Neste lugar algúns autores sitúa a lendaria capital dos ártabros, Libunca. A zona xa acolle desde hai anos unha área natural e outra recreativa que reciben a miles de visitantes ao longo do ano.