Radius: Off
Radius:
km Radio de xeolocalización
Atopar

AS ANDAINAS TURÍSTICAS DE NEDA TEÑEN ESTE DOMINGO (DÍA 27) UNHA NOVA CITA POLA ZONA DO ROXAL

Neda, 24 de Xaneiro de 2019.- O Concello de Neda convoca para o próximo domingo, día 27, a segunda Andaina Turística coa que o equipo de goberno quere dar a coñecer os recursos naturais e patrimoniais do municipio. A iniciativa está a motivar a asistencia de arredor de 150 persoas, cincuenta máis que na primeira convocatoria.
Nesta segunda, os participantes descubrirán a zona do Roxal (Anca) e visitarán o milladoiro de Viladonelle. A saída está prevista para as dez da mañá e, nesta ocasión, tanto o punto de partida como o de chegada terán como referencia o pavillón polideportivo do Roxal.
A participación é gratuíta e a asistencia está aberta á veciñanza local así como a persoas doutros puntos da comarca de Ferrol.
Esta programación municipal terá continuidade ao longo do próximo mes de febreiro con saídas previstas para os días 10 e 24. As persoas interesadas poden apuntarse tanto no Concello como na Casa da Cultura e mesmo a través do número de teléfono 981 390 233.