Radius: Off
Radius:
km Radio de xeolocalización
Atopar

ESTE VENRES FINALIZA MISIÓN: NEDA!

ESTE VENRES FINALIZA MISIÓN: NEDA!
 

Neda, 25 de abril de 2019.- Quedan escasos dous días para que o proxecto cultural e educativo Misión: Neda! chegue ao seu remate. Este venres vence o prazo para que a rapazada e as súas familias verifiquen nos colexios ou na Biblioteca Municipal a resolución do enigma final, para o que foi necesario achegarse a 22 lugares relacionados co patrimonio e a historia do concello. Quen complete correctamente a misteriosa frase poderá entrar no sorteo público de catro táblets que terá lugar no salón de actos da Casa da Cultura o próximo martes, día 30 de abril, a partir das 19.30 horas.
Misión: Neda! botou a andar o pasado 15 de marzo como un programa a medio camiño entre o lecer e o descubrimento do territorio co obxectivo, precisamente, de poñer en valor os recursos e maila historia do concello. Toda unha riqueza aínda descoñecida para boa parte da poboación que a área de Educación, Cultura, Patrimonio e Turismo propuxo coñecer a través dunha especie de busca do tesouro pensada para facer en familia.
No último mes e medio foron entregándose na Biblioteca Municipal e nos colexios de San Isidro e Maciñeira tres cadernos que abordan distintas épocas da historia de Neda, desde o Neolítico até a actualidade, ilustradas con fotografías e descricións dos principais elementos patrimoniais. Neles tamén se incluíron tres mapas coa situación das letras que compoñen o misterioso enigma final.
Todos os contidos publicáronse simultaneamente na web do proxecto (www.misionneda. gal) coa axuda de máis imaxes, información ampliada e planos de Google Maps para facilitar a localización de letras e patrimonio desde dispositivos móbiles.
No proxecto implicáronse case 200 rapaces e rapazas de entre 8 e 16 anos coa axuda dos seus pais e nais. Este venres será o último día para que verifiquen nos centros de ensino ou na biblioteca pública a correcta resolución da frase de 22 letras que deberon ir compoñendo nas últimas semanas visitando outros tantos lugares do municipio, como por exemplo o Pazo da Mercé, a Fábrica da Luz do Belelle, o Muíño do Cubo, o muíño da Pólvora das Edradas, os miradoiros do Monte de Ancos e do Belelle, as igrexas máis antigas, a Casa do Concello, a rúa Real… ou incluso a Casa do Galo -na Mourela do Medio-, de onde partiu no século XIX o avó do afamado director de cine estadounidense George A. Romero.
Tal e como comenta a concelleira Cristina Bouza “moita xente coméntanos que a raíz deste proxecto visitou sitios do concello onde nunca estivera e que nin sequera sabía que existían. Esa era a nosa idea, que a veciñanza de Neda e de fóra de Neda coñecese o noso territorio dunha forma novidosa e moi entretida”.
Bouza engade que o desenvolvemento de Misión: Neda! tamén serviu para deseñar “unha valiosa colección didáctica e unha web que nos contan dun xeito moi ameno 5.000 anos da nosa historia, encadrando nela os elementos que nos foron quedando de cada momento. Algúns deles, como os petroglifos da Rabadeña, eran coñecidos en ámbitos académicos e especializados.
Agora, a través de Misión: Neda!, chegan a un público moito máis amplo”. Neste sentido, a concelleira agradeceu a colaboración do estudoso da historia local e exbibliotecario Manuel Pérez Grueiro “quen achegou a maior parte da documentación que logo se condensou nos cadernos”.
Unha busca que terá premio o martes 30
Todas as familias que completen correctamente a frase final de Misión: Neda! poderán gañar unha das catro táblets que sorteará o Concello. Para iso, os nenos e nenas deberán cubrir o correspondente formulario co enigma resolto e os seus datos persoais, incluída a autorización parental para entrar no sorteo. A verificación e a entrega das follas de participación poden facerse nos colexios de San Isidro e Maciñeira ou ben na Biblioteca Municipal.
O sorteo e maila entrega das táblets terán lugar o martes 30 a partir das 19.30 horas no auditorio da Casa da Cultura, seguida dun espectáculo sorpresa para público familiar.