Radius: Off
Radius:
km Raio de xeolocalización
Atopar

Neda, 21 de Xaneiro de 2019.- Todos os meses o Concello de Neda reparte lotes de alimentos
entre 48 familias en risco de exclusión social, unha medida que se volverá a materializar este
martes (día 22) e que se complementa ademais con outras puntais con motivo do Nadal, Entroido
e as festas de verán. Así, para o día 22 de febreiro xa está prevista a entrega correspondente
ao Entroido 2019 e para a mesma o Concello conta, nesta ocasión, coa axuda da Asociación de
Amas de Casa da localidade. A devandita entidade subministrará lacóns e costela, mentres que a
administración porá leite, arroz, pasta, lentellas, azucre, galletas, conservas, garavanzos, fabas,
atún, aceite, cacao, melocotón en conserva, feixóns verdes e un polo por familia. En conxunto
serán case 500 quilos de alimentos cos que o Concello de Neda contribúe habitualmente ao benestar
dunhos 100 veciños entre núcleos familiares, xente maior e persoas que viven soas.
O equipo de goberno destaca a axuda que o executivo encontra no movemento asociativo
para levar a cabo este tipo de accións solidarias. Neste sentido, destácase especialmente a colaboración
que, con motivo do repartimento do Nadal, a administración atopou entre os socios e
responsables das entidades de Ancos, Viladonelle, O Roxal, Cobeluda, entre as que teñen a súa
sede no centro cívico Ramón Millarengo (Burladeiras e Axune, entre outras) e a das Amas de
Casa. O goberno agradece moi sinceramente unha colaboración que resulta “imprescindible”
para levar a cabo iniciativas sociais.