Radius: Off
Radius:
km Radio de xeolocalización
Atopar

NEDA ABRE O LUNS O PRAZO PARA PARTICIPAR NA ANDAINA ENTRE SANTIAGO E FISTERRA

Neda, 22 de febreiro de 2019.- O Concello de Neda programa para os meses de marzo e abril
a andaina que dará continuidade á realizada o ano pasado entre a vila e a cidade do Apóstolo.
Nesta ocasión, a iniciativa levará aos participantes a descubrir en catro etapas a ruta que vai de
Santiago de Compostela á localidade de Fisterra. Son case de 90 quilómetros, que se cubrirán
en saídas de 22 quilómetros de media. A primeira ruta será o 17 de marzo e a última o 7 de abril.
Negreira, Santa Mariña, a ermida Nosa Señora das Neves e Fisterra son as referencias dunha convocatoria
que terá como punto de partida o albergue do peregrino, ás 7.30 horas.
As persoas interesadas xa poden inscribirse, a partir do luns 25, nas oficinas do Concello, que
abren en horario de mañá (9.00 a 14.00 horas). No momento de facer a reserva é necesario presentar
xustificante do pago a nome da persoa inscrita, así como a ficha cuberta que se entregará
nas oficinas municipais.
A participación implica o pago dunha cota que será de 40 euros para a veciñanza, de 50 para
xente de fóra de Neda e de 30 para os menores de idade. Estes últimos deberán ir sempre acompañados
dun adulto. O prezo inclúe desprazamento en autobús, monitores e seguro. As prazas
son limitadas e o prazo de inscrición finaliza o venres día 8 de marzo.