Radius: Off
Radius:
km Radio de xeolocalización
Atopar

NEDA AÍNDA INVESTIRÁ 400.000 EUROS MÁIS ESTE ANO NA MELLORA DE CAMIÑOS PÚBLICOS

Neda, 11 de Outubro de 2018.- O goberno de Neda enfronta a recta final do ano coa execución de 14 novas obras en outras tantas infraestruturas viarias do municipio, cun investimento global de 400.000 euros. Todas as intervencións estarán rematadas antes do 31 de decembro.
Xa foron adxudicadas as incluídas no POS 2018, que darán lugar en breve ao inicio de obras de aglomerado nas vías Porta da Pena-Chao da Aldea, por importe de 32.000 euros, así como na que comunica o Bernés coa Cruz do Pouso, que vén de se adxudicar por 50. 431,82 euros.
Atópanse en proceso de licitación as seis intervencións en vías que o goberno municipal executará con cargo ao remanente de tesourería, cuxa contía é de 250.000 euros. Desta cantidade, 180.000 euros irán destinados a dotar de aglomerado os camiños de Currás (13.407,5 euros), Laredo-Carballal (22.994,79), Nogueira-Curuxa-Combarro (18.726,20), Os Pazos (44.956,18 euros), Os Pazos-Combarro (14.033,69) e ao arranxo da rúa Roseira e máis do entorno do pavillón municipal, por importe de 30.385,99 euros.
No orzamento dos 180.000 euros tamén están incluídas actuacións na baixada de Transmonte, no vial entre Cruz do Pouso e Pouso Vello e na pista de Liñares. Son proxectos que a día de hoxe só están pendentes da autorización de Estradas para saír a licitación cun importe que ronda os 36.000 euros.
Con cargo ao plan adicional do POS 2018, o goberno de Neda tamén prevé investir outros 140.000 euros no acondicionamento nos camiños de Lodeiro, Cruz de Pouso-Gandarela e Cobeluda. Estas tres últimas obras atópanse en proceso de contratación.
Desde o goberno de Neda destácase a necesidade de seguir investindo para mellorar e garantir o uso das vías de comunicación nun municipio moi extenso no que a territorio se refire pero escaso en poboación.
Todas as actuacións inclúen a utilización do aglomerado en quente para o acondicionamento do firme, así como a apertura das gabias e a sinalización viaria correspondente.
CONCELLO
DE NEDA