Radius: Off
Radius:
km Radio de xeolocalización
Atopar

NEDA CELEBRA O DÍA DO LIBRO INFANTIL CO CERTAME “DEBUXA E PINTA O TEU PERSONAXE LITERARIO FAVORITO”

Neda, 29 de marzo de 2019.- O Concello de Neda convoca a primeira edición do certame “Debuxa e pinta o teu personaxe literario favorito” con motivo do Día Internacional do Libro Intantil 2019, que se conmemora o 2 de abril. O concurso vai dirixido a nenos e nenas con idades comprendidas entre os 4 e 12 anos, ambos inclusive, e ten como obxectivo fomentar a lectura entre os menores e mesmo entre a comunidade educativa.
A iniciativa, para a que o Concello conta coa colaboración da Organización Española para el Libro Infantil y Juvenil (OEPLI) e a Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Gálix), virará ao redor da creación do seu personaxe literario favorito, xa sexa animal, persoa ou heroes, que terá que ir acompañada dun pequeno texto, non superior ás 50 palabras, no que se explique o porqué da súa elección.
Cada neno poderá presentar un único debuxo realizado en cartolina, tamaño Din A-4, para cuxa elaboración poderá empregar calquera tipo de procedemento e material, como acuarela, óleo, rotuladores, lapis ou cera.
Os traballos deberán entregarse nun sobre DIN A-4, que conterá o debuxo cun pseudónimo e idade do participante no reservo e o documento de información de protección de datos que se entrega coas bases, así como outro de menor tamaño que o anterior no que deberán figurar os datos persoais do participantes. Entre eles, o nome, os apelidos, a idade, o curso escolar e o número de teléfono de algún dos seus pais. A data límite para a presentación dos orixinais é o día 8 de abril e a biblioteca municipal o lugar de entrega.
A organización establece tres premios, que consistirán en vales, por importe de 60 euros, que se poderán canxear na librería sinalada polo Concello. O nome dos gañadores daranse a coñecer a través da páxina web do Concello de Neda (www.neda.es) e no Facebook da biblioteca municipal.