Radius: Off
Radius:
km Radio de xeolocalización
Atopar

NEDA CELEBRARÁ O NADAL CON MÚSICA, ESPECTÁCULOS, TALLERES E AS VISITAS DO APALPADOR E DOS REIS MAGOS

Neda, 18 de Decembro de 2018.- O Nadal en Neda arrinca oficialmente coa visita dos Reis Magos aos escolares dos CEIPs San Isidro e Maciñeira, unha cita que terá lugar o próximo venres, día 21, e que se celebrará a primeiras horas da mañá. Haberá repartimento de caramelos e os nenos máis preguiceiros terán a sua última oportunidade para entregar a carta.

Pero na programación organizada polo Concello para o presente mes de decembro e os primeiros días de xaneiro están incluídas outras moitas actividades. Así, para ese mesmo día, pero a partir das sete da tarde, a rondalla Lucero del Alba ofrecerá o tradicional concerto de Nadal na Casa da Cultura. A entrada é de balde e resulta ser unha das citas máis esperadas do ano polos afeccionados á música coral.

Pola súa banda, o público infantil só terá que esperar ata o domingo, día 23, para asistir á representación da obra “O castiñeiro do apalpador”, unha función que dará comezo ás 18.30 horas e na que se espera a visita do mítico persoeiro que se encargará de repartir castañas e agasallos entre os nenos e nenas que asistan á función.

Dirixido ao público infantil, o día 26, ás 20.30 horas na biblioteca municipal, haberá un obradoiro de decoración de Nadal. Nel poderán tomar parte menores con idades comprendidas entre os cinco e dez anos. A última cita do mes de decembro será o venres 28 coa actuación do Mago Teto na Casa da Cultura. “25 anos de Tolemaxia” é o nome dun espectáculo para o que haberá que pagar unha entrada de 1 ou 2 euros en función da idade do solicitante.

A programación cultural terá continuidade o día 2 de xaneiro coa celebración dun taller de agasallos de Reis que se impartirá entre as cinco a as sete da tarde na biblioteca municipal.

Pero, sen dúbida, a xornada do día 5 será a data máis importante do mes de xaneiro co percorrido dos Magos de Oriente polas rúas e parroquias do térmo municipal. A saída está prevista para as sete da tarde. O punto de partida será a curva do Puntal. Despois a comitiva rexia dirixirase á Casa das Palmeiras, onde terá lugar a recepción oficial aos Reis. Estos finalizarán a súa estancia en Neda despois de visitar as localidades de Xuvia e Muchiqueira. O Concello conta coa colaboración da Policía Local e máis da agrupación de voluntarios de Protección Civil para garantir o éxito da celebración.