Radius: Off
Radius:
km Radio de xeolocalización
Atopar

NEDA COMEZARÁ A ENTREGAR ESTA SEMANA OS LOTES DE NADAL ÁS 48 FAMILIAS EN RISCO DE EXCLUSIÓN SOCIAL

Neda, 4 de Decembro de 2018.- Un total de 48 familias de Neda en risco de exclusión recibirán mañá mércores e o próximo día 22 os lotes de alimentos cos que o goberno municipal quere que o espíritu do Nadal chegue a todos os fogares do termo municipal. Leite, garavanzos, fabas, galletas, tomate frito, melocotón en conserva, latas de atún, aceite de oliva, pasta e feixóns son os produtos que as familias recibirán esta mesma semana como froito da colaboración que o Concello mantén co bando de alimentos da Cruz Vermella. A administración local tamén conta coa xenerosidade da veciñanza, que se materializa a través de distintas entidades locais, e mesmo con fondos propios para levar a cabo un segundo repartimento. Nesta ocasión, trátase de productos frescos. Así cada familia podrá incorporar á súa despensa un lacón, unha tira de touciño e outra de costela, catro chourizos, ademais de tabletas de chocolate, un quilo de azucre e outro de doces, cinco litros de aceite de xirasol, unha bolsa de cacahuetes, un salchichón e unha lata de pementos.
O Concello tamén entregará vales, por importe de 100 euros, a familias con menores de doce anos ao seu cargo para que eles, ao igual que o resto dos nenos da localidade, tamén poidan celebrar a visita dos Reis Magos. O importe da axuda terá que se investir na tenda Din Don de Xuvia, na que se poderán mercar desde xoguetes ata libros ou material deportivo. Servizos Sociais estima que se repartirán unhas dez axudas.