Radius: Off
Radius:
km Radio de xeolocalización
Atopar

NEDA DEDICA Á MULLER O MES DE MARZO CON CINCO CONVOCATORIAS DIFERENTES

Neda, 5 de marzo de 2019.- O Concello de Neda fai de marzo o mes dedicado á muller e de apoio as súas reivindicacións e así o pon de manifesto cunha programación que ten como protagonista á poboación feminina. Estas iniciativas darán comezo o próximo venres, 8M, coa posta en marcha dunha campaña pola igualdade que o goberno municipal levará a cabo a través das redes sociais, Facebook e Instagram, e na páxina web e para a que se pide a máxima participación e implicación da veciñanza.
A seguinte data será o 15, xornada reservada para a representación da obra “Insubmisión”, que estará a cargo dos actores Gema Ulloa e Fran Giraldo. Trátase dun texto de Rosa Molero no que se fala da violencia na parella pero dun xeito subxacente, facendo crecer a tensión dramática e propoñendo unha rebelión ante esa situación. A función dará comezo ás 20.30 horas e será na Casa da Cultura.
Nese mesmo auditorio cultural, o mércores día 20, terá lugar unha sesión de “Lésme un conto?, contos para igualdade, e a representación da obra “Pirata en Illa Calaveira” da compañía
Teatro Calaveira, que dará comezo ás 18.30 horas.
O documental “Muller (es) Muller” e un posterior coloquio centrarán a programación prevista para o 22 de marzo. A Casa da Cultura volve a ser a referencia para unha cita, que será ás 20.30 horas, e na que mulleres de tres xerancións e con vidas moi diferentes falarán dos seus desexos, as súas loitas e tamén das súas contradicións. É un traballo visual realizado coa colaboración do Instituto de la Mujer e coa participación das escritoras: Marilar Aleixandre, Olga Novo, Yolanda Castaño, María Reimondez, Chus Pato e Carmen Blanco.
A última convocatoria será o venres 29 coa presentación do libro “Feminicidio. Unha nova orde patriarcal en tempos de submisión” de Carme Adán e editado por Galaxia. O acto dará comezo ás 20.30 horas e terá lugar na Casa das Palmeiras. A autora, que ten confirmada a súa asistencia á presentación organizada polo Concello de Neda, trata de analizar na súa obra o significado do patriarcado e como esta forma de organización social foi adaptándose aos novos tempos, as mulleres na sociedade actual e dos obstáculos que se atopan e dos esforzos que realizan para definir a súa propia identidade día a día.