Radius: Off
Radius:
km Radio de xeolocalización
Atopar

NEDA INVISTE UNS 6.000 EUROS NOS PARQUES BIOSAUDABLES PARA FOMENTAR A ACTIVIDADE FÍSICA

Neda, 18 de Xaneiro de 2019.- O Concello de Neda fomenta a vida saudable entre a veciñanza poñendo ao seu alcance aquelas infraestruturas que contribúan á realización de exercicio físico. Este é o caso dos parques biosaudables que, situados nas parroquias de Anca e Viladonelle, nas inmediacións da piscina e na zona do paseo marítimo, acaban de ser sometidos a un plan de mellora para garantir a súa conservación e optimizar o seu funcionamento. A reparación de elementos deteriorados, a substitución dos que se atopaban en peores condicións e mesmo o pintado dos xogos son algunhas das obras financiadas polo Concello e executadas pola empresa Protasio, de Fene. O investimento superou os 6.000 euros. As obras remataron hai uns días. Desde o goberno municipal de Neda se demanda agora dos veciños e usuarios que sexan responsables á hora de facer un uso adecuado duns equipos que, ademais de estar ao aire libre, non requiren dun especial esforzo para exercitar pernas e brazos.

Estas actuacións coinciden ademais coa contratación, por parte do Concello, das obras de instalación de chan de caucho nos parques infantiles de Albarón e Santa María, unha intervención que posteriormente tamén se levará a cabo nos de San Isidro, Principiño e Xuvia. Os traballos agora contratados correrán a cargo da empresa Saavedra e López e foron adxudicados pola cantidade de 30.000 euros.