Radius: Off
Radius:
km Radio de xeolocalización
Atopar

NEDA PON EN MARCHA UN SERVIZO DE ASISTENCIA XURÍDICA GRATUÍTO A VÍTIMAS DE VIOLENCIA DE XÉNERO

Neda, 2 de abril de 2019.- Mañá botará andar no Concello de Neda un servizo de asesoramento legal gratuíto a vítimas da violencia de xénero, unha prestación que responde ao cumprimento do pacto de Estado na devandita materia. Así, a administración local, ademais de recuperar as competencias nese apartado, vén de recibir unha axuda estatal, por importe de 1.618,70 euros, para a realización de proxectos ou programas que teñan como finalidade desenvolver medidas incluídas no devandito pacto. Inicialmente o servizo que agora comeza estará operativo ata o 15 de xuño, aínda que a intención do goberno municipal é mantelo ao longo do presente exercicio, e funcionará os luns e mércores en horario de 11.00 a 14.00 horas. A concelleira de Servizos Sociais, Igualdade, Facenda e Terceira Idade, Ana Rosa Pena Barcia, entende que a primeira medida para acabar coa lacra da violencia, xunto á educación, é a información. En base a esta premisa, segundo Pena Barcia, o executivo considerou conveniente iniciar este servizo pioneiro en Neda “dando a coñecer ás vítimas os seus dereitos, os trámites que deben seguir e as axudas ás que poden acollerse para que teñan a posibilidade, tanto elas como os seus fillos, de saír do terror no que viven”. A avogada María del Pilar Rodríguez Vargas estará á fronte dunha prestación que se ubicará no Concello e para a que non fai falta cita previa.