Radius: Off
Radius:
km Radio de xeolocalización
Atopar

NEDA PROPÓN DESCUBRIR EN FAMILIA A HISTORIA E O PATRIMONIO LOCAL

NEDA PROPÓN DESCUBRIR EN FAMILIA A HISTORIA E O PATRIMONIO LOCAL

Neda, 11 de marzo de 2019.- A concelleira de Educación, Cultura, Patrimonio e Turismo, Cristina Bouza Bellón, presentou esta mañá na Casa das Palmeiras o proxecto “Misión: Neda!”, dirixido a rapazada de Educación Primaria canda as súas familias. A iniciativa está concibida como unha serie de tres cadernos didácticos e máis unha web -www.misionneda.gal- que resumen a historia do municipio desde o Neolítico até a actualidade. Un percorrido ilustrado con fotografías do patrimonio nedense, mapas interactivos e tamén lendas que, ademais, leva asociada a resolución dun enigma final que nenas, nenos e persoas adultas terán que resolver percorrendo o territorio. A aventura de “Misión: Neda!” comezará este venres coa entrega do primeiro caderno e a carpeta da colección nos CEIP de Maciñeira e San Isidro, aínda que tamén se poderá recoller na Biblioteca Municipal. O obxectivo principal desta proposta educativa e de lecer é implicar as familias no descubrimento de toda a riqueza histórica e patrimonial do concello, contribuíndo ademais a reforzar o apego social ao territorio.
Neda ten mámoas, castros, rúas medievais, muíños, igrexas, lendas e unha chea de recursos materiais e inmateriais que agora se unen en dous soportes principais: dunha banda a web www. misionneda.gal e, doutra, tres cadernos impresos que se irán entregando quincenalmente a partir do venres.
Tanto a web como os cadernos van relatando a historia de Neda dos últimos 70 séculos, empezando polos vestixios do Neolítico -como por exemplo a mámoa de Marraxón ou os petróglifos da Rabadeña- ata chegar practicamente ao presente.
“Nese percorrido pasaremos polos tempos da cultura castrexa e da romanización, veremos as orixes da Real Vila de Neda e o seu desenvolvemento vinculado co mar, pero tamén co comercio, co pan e co camiño a Compostela. E todo iso terémolo á man en Misión: Neda! cunha linguaxe directa e comprensible, ilustrado con fotografías actualizadas e planos en Google Maps que facilitarán descubrir o patrimonio e as orixes do que hoxe é Neda”, explicou Cristina Bouza. O proxecto botou man de distintas fontes bibliográficas que falan de Neda, atendendo principalmente a estudos coma os desenvolvidos polo desaparecido cronista Antonio Vázquez Rey ou os traballos de Manuel Grueiro, entre outros. O resultado “é esta iniciativa que hoxe presentamos que, en último caso, pretende reforzar o sentemento de pertenza da veciñanza ao seu concello a través do coñecemento de todos os segredos que garda”, tal e como asegurou a concelleira esta mañá.
Para iso proponse “unha misión” que arranca este mesmo venres nos colexios de Maciñeira e San Isidro presentándolle á rapazada a carpeta e mailo primeiro caderno didáctico do proxecto. “Buscamos que os nenos e nenas se interesen en descubrir o territorio no que viven e que o fa gan coa axuda imprescindible dos seus pais e nais. Para espertar a súa curiosidade plantexámoslles descubrir un enigma final composto por 22 letras que irán aparecendo en distintos lugares do concello coincidindo coa entrega de cada caderno, onde se indica o lugar exacto onde se encontran. As familias terán que ir aos sitios e ir anotando as letras na carpeta do proxecto e, unha vez as teñan todas, poderán entrar no sorteo dunha táblet”.
Os cadernos e as letras correspondentes entregaranse nos colexios de un en un: o primeiro este venres 15 de marzo, o segundo o venres 29 de marzo e o terceiro e último o venres 12 de abril. O último día para verificar que se resolveu o enigma -tanto nos colexios como na biblioteca municipal- será o venres 26 de abril. As táblets sortearanse e entregaranse á semana seguinte. Pero hai máis. E é que o material chegará ás escolas neses tres venres da man de tres personaxes, reais ou ficticios, de cada momento da historia de Neda. A deste venres será Laureana, “unha das protagonistas da coñecida lenda ambientada no monte de Ancos”, e as dos dous venres seguintes serán tamén mulleres, interpretadas pola actriz Silvia Casal. “Deste xeito tamén pretendemos visibilizar o papel da muller non só como protagonista da historia, senón tamén como parte fundamental da súa construción”.
A titular de Educación e Cultura tamén destacou que Misión: Neda! é un proxecto “aberto á participación de calquera, non só para as familias e a rapazada de Primaria de San Isidro e Maciñeira”. De feito, as familias de dentro e fóra de Neda con rapaces e rapazas de ata 14 anos que queiran emprender a aventura de descubrir o enigma final poderán recoller a carpeta e os cadernos na Biblioteca Municipal, onde tamén fará falla botar a papeleta para o sorteo das táblets unha vez se verifique que a orde das 22 letras e, polo tanto, a frase final, é a correcta. Bouza incidiu en que este proxecto “vén sumarse ao material didáctico existente sobre o noso concello, entre o que cómpre mencionar a serie Revista de Neda e outras publicacións de carácter máis ben especializado que se poden consultar na Biblioteca Municipal”. A este respecto a concelleira engadiu que “un dos principais valores de Misión: Neda! é que se trata de algo asequible a todo tipo de público, procurando que a historia de Neda e as referencias ao seu patrimonio vaian xuntas, en orde cronolóxica e en relación co contexto da historia de Galicia e do resto da península”.
Por outra banda, a concelleira tamén destacou que se trata “dun proxecto multiplataforma, posto que une o formato clásico dunha unidade didáctica impresa, unha web relacionada, unha busca do tesouro e tamén unha pequena representación escénica nos centros de ensino”.