Radius: Off
Radius:
km Radio de xeolocalización
Atopar

NEDA VÉN DE AMPLIAR A 93 AS PRAZAS DO SERVIZO “CONCILIAMOS XOGANDO”

Neda, 26 de Xuño de 2018. Finalmente serán 93 nenos/as os que este ano tomarán parte no programa “Conciliamos Xogando” convocado polo Concello de Neda para contribuír á conciliación persoal, familiar e laboral das unidades familiares da localidade. Tal e como xa ocurreu na convocatoria do ano 2017, o goberno municipal veuse na obriga de ampliar o número de prazas, inicialmente previstas para 75 menores, pola gran demanda de peticións, un total de 106, “o que vén confirmar que a necesidade existe”, tal e como apunta o executivo local. En 2017 pasaron de 60 a 75.
A maioría das peticións desestimadas foron as presentadas por familias de concellos limítrofes e, sobre esta cuestión, desde o goberno municipal recórdase que tiñan preferencia as locais, así como as que se atopan en situación de emerxencia social, monoparentais, nais e pais traballadores e as que teñen persoas dependentes ao seu cargo.
Este programa de carácter gratuíto arrincará o próximo luns, día 2 de xullo, e está orientado á participación de menores con idades comprendidas entre os 3 e 12 anos. As instalacións do CEIP San Isidro acollerán un servizo que se desenvolverá de luns a venres, en horario de 8.45 a 13.45 horas, e que correrá a cargo dun grupo de profesionais da empresa Gazapos, que resultou adxudicataria dunha prestación que saíu a contratación por importe de 14.000 euros.
Ata o martes día 31 do devandito mes, os 93 participantes tomarán parte en excursións, actividades ao aire libre, xogos tradicionais, manualidades e mañás na piscina municipal, así como en opcións de ocio relacionadas co medio ambiente e a reciclaxe. Estas dúas últimas actividades foron incluídas a petición do goberno municipal “por considerar que son materias que axudan a educar aos nenos/as no cuidado e conservación da natureza”.