Radius: Off
Radius:
km Radio de xeolocalización
Atopar

O CLUB DE LECTURA DE NEDA TRAERÁ MAÑÁ AO ESCRITOR DIEGO AMEIXEIRAS Á VILA

Será ás sete da tarde na biblioteca municipal
Neda, 29 de Maio de 2018. O club de lectura de Neda traerá mañá mércores ao escritor Diego Ameixeiras á vila para analizar a súa última novela, que leva por título “A crueldade de abril”. Será ás sete da tarde na biblioteca (Casa da Cultura). No acto tomarán parte as dez persoas que desde o pasado mes de setembro participan nunha actividade que se celebra os últimos mércores de mes e que en breve cesará para se retomar co inicio do vindeiro curso escolar. Diego Ameixeiras Novelle é un escritor e periodista ourensano que escribe en lingua galega. Traballou como guionista para varias series emitidas pola TVG (“Terra de Miranda”, “Os Atlánticos”, “Matalobos”) e como colaborador nos xornais Diario de Pontevedra e El Mundo. Foi coguionista das longametraxes “18 comidas” (Jorge Coira, 2010), pola que recibiu un Premio Mestre Mateo ao mellor guión, e “La mujer del Eternauta” (Adán Aliaga, 2011). Tamén é autor de dúas novelas de serie negra ambientadas en Ourense: “Baixo mínimos” (2004) e “O cidadán do mes” (2006), protagonizadas polo detective Horacio Dopico. En 2006 gañou o Premio Xerais de Novela con “Tres segundos de memoria”, obra catalogada como “xeracional” pola crítica e cuxo argumento narra o día a día dun personaxe anónimo atrapado na precariedade económica e sentimental.