Radius: Off
Radius:
km Radio de xeolocalización
Atopar

O CONCELLO CONVOCA A PRIMEIRA EDICIÓN DO CERTAME DE PINTURA RÁPIDA DE NEDA

A cita será o día 10 de xuño pero o prazo de inscrición xa está aberto
Neda, 21 de maio de 2018. O Concello de Neda organiza a primeira edición do certame de pintura rápida ao aire libre. A convocatoria, prevista para o día 10 de xuño, faise coincidir coa celebración da segunda xornada da Feira no Camiño. O estilo e a temática serán libres e a participación vai dirixida a persoas maiores de idade de calquera nacionalidade. A idea é capturar a paisaxe, as xentes ou os costumes da localidade nunha obra pictórica a realizar “in situ” e a executar nunha área delimitada pola organización.
As persoas interesadas poderán inscribirse enviando un correo electrónico á dirección cultura@neda.es, ou mesmo o propio día do certame, entre as nove e as once da mañá, na Casa das Palmeiras, situada no número 47 da avenida Alxeciras. A organización establece un total de tres premios e unha categoría especial para incentivar a participación da poboación local. Os participantes de Neda deberán acreditar a súa vinculación co municipio mediante xustificante do padrón ou documento de pago de calquera tipo de imposto ou taxa. A contía dos premios oscila entre os 1.000 e os 200 euros. Os gañadores tamén recibirán diplomas.
Cada participante deberá achegar o seu propio material -incluído o cabalete-, realizar a obra sobre un soporte ríxido e axustar o tamaño da mesma ás medidas establecidas pola organización, que van dos 50×50 centímetros que pode ter a máis pequena ata os 100 x81 da máis grande. Os concursantes disporán dun total de seis horas para realizar unha obra de estilo e técnica libre.