Radius: Off
Radius:
km Radio de xeolocalización
Atopar

O CONCELLO DE NEDA ABRE O PRAZO DE INSCRICIÓN PARA O CERTAME DE EMPANADAS

Neda, 13 de Agosto de 2018.- O Concello de Neda abre hoxe o prazo de inscrición para tomar parte no concurso de empanadas que o goberno municipal promove con motivo da XXX Festa do Pan. O día 29 será a data límite para apuntarse e os interesados deben facelo na Casa da Cultura en horario de 10.00 a 13.00 e de 17.00 a 20.00 horas.

Os responsables municipais animan á veciñanza a tomar parte nun certame con “moito sabor local” e para o que se tomou como referencia o que tiña lugar no recinto feiral de Albarón.

A organización establece dúas categorías: unha profesional, para os panadeiros e panadeiras con forno na vila de Neda, e outra non profesional para todas as persoas maiores de idade empadroadas no municipio convocante.

Os participantes deberán deixar os datos persoais e de contacto. Os profesionais, ademais, terán que indicar a que establecemento representan e, no caso dos non profesionais, deberán presentar o seu certificado de empadroamento.

O concurso terá lugar o día 2 no paseo marítimo de Xuxia. As empanadas deberán entregarse entre as 11.00 e as 12.00 horas. A continuación, o produto quedará exposto ata a cata do xurado, que se levará a cabo entre as 17.00 e as 18.00 horas. Unha vez tomada a súa decisión, todas as empanadas pasarán a ser degustadas polo público ata finalizar as existencias.

A organización establece dous premios por categoría, que consisten en 100 e 50 euros, respectivamente, ademais do correspondente diploma.