Radius: Off
Radius:
km Radio de xeolocalización
Atopar

O CONCELLO DE NEDA CONVOCA UNHA INICIATIVA PARA PERCORRER A PÉ O CAMIÑO INGLÉS EN CINCO ETAPAS

Neda, 20 de Abril de 2018.- O Concello de Neda vén de convocar unha iniciativa para percorrer a pé o Camiño Inglés nun total de cinco etapas. A actividade levarase a cabo durante cinco sucesivos domingos, a partir do día 20 de maio. Coñecer a singularidade da ruta, facer un pouco de exercicio físico e confraternizar entre os participantes son algúns dos obxectivos dun programa para o que as persoas interesadas xa se poden inscribir nas oficinas do Concello, que abren ao público en horario de 9.00 a 14.00 horas. O prazo remata o día 14 do próximo mes de maio. A participación nestas andadas, pensadas para un mínimo de 25 e un máximo de 55 persoas, supón unha cota de 25 euros para os veciños de Neda e de 35 para os non residentes. No caso dos menores, que deberán ir acompañados dun adulto, o prezo será de 10 para os que son de Neda e 15 para o resto. Nestes importes van incluídos os traslados de ida e volta en bus, guías en cada unha das etapas e seguro de responsabilidade civil para previr calquera incidencia. Os ingresos deben facerse a través do banco Santander (nº de conta 0049-3902-83-1010004490) ou Abanca (nº de conta 2080-0216-91-3000037456). As etapas previstas para cubrir os máis de 100 quilómetros de distancia que existen entre Neda e Santiago son: Neda-Pontedeume (16 quilómetros), Pontedeume-Batanzos (21), Betanzos-Bruma (26), Bruma-Sigüeiro (25) e Sigüeiro-Santiago (16).