Radius: Off
Radius:
km Radio de xeolocalización
Atopar

O CONCELLO DE NEDA ORGANIZA UNHA “SOLTA DE LIBROS” E UN CONCERTO DE MÚSICA CON MOTIVO DO DÍA DEDICADO AO LIBRO

Neda, 19 de Abril de 2018.- O Concello de Neda celebrará o luns o Día do Libro cunha “solta” de libros, ás cinco da tarde, no exterior da biblioteca e máis tarde, ás sete, cun concerto no auditorio da Casa da Cultura.
A primeira das convocatorias vai dirixida tanto a nenos como adultos e ten carácter gratuíto. A maioría das publicacións que se van repartir foron doadas pola Deputación da Coruña, a través da campaña “Libros para sermos libres”, aínda que o Concello ten previsto contribuír con algúns exemplares máis. A achega provincial é aproximadamente duns 200 volumes.
A segunda cita cultural estará protagonizada por alumnos do Conservatorio Profesional de Música Xan Viaño de Ferrol. Trátase dunha audición de conxunto e música de cámara na que tomarán parte estudantes de piano, acordeón, oboe, gaita, fagot, frauta e clarinete. Así, no auditorio da Casa de Cultura poderanse escoitar pezas de compositores tan coñecidos como Schumann, Bach, Strauss ou Vivaldi, entre outros.
O goberno municipal invita á veciñanza a sumarse ás celebracións coas que se lle quere dar un especial contido cultural á xornada do próximo luns, día 23 de abril.