Radius: Off
Radius:
km Radio de xeolocalización
Atopar

O GOBERNO DENUNCIA PRECARIEDADE ASISTENCIAL NO CENTRO DE SAÚDE DE NEDA

Neda, 28 de Decembro de 2018.- O goberno de Neda demanda do Sergas, e máis concretamente da Xerencia da Área Sanitaria de Ferrol, que se adopten as medidas necesarias que poñan f in á situación de precariedade asistencial que se está a dar no centro de saúde da localidade, no que desde o pasado mes de abril só pasan consulta dous dos catro facultativos adscritos.

Esta circunstancia, segundo o alcalde, Ángel Alvariño Saavedra, está a xerar malestar entre os pacientes e intranquilidade entre os profesionais da medicina, os primeiros polos días que deben esperar para ser tratados e os segundos pola saturación da súa carga de traballo. Cada médico recibe unha media de 52 pacientes ao día, ademais das saídas a domicilio que poidan xurdir e de formalizar os trámites que levan implícitos derivar pacientes a outros especialistas.

Alvariño Saavedra entende que a situación que se está a dar en Neda non é un caso illado polo que considera que a solución tamén debe ser conxunta para garantir unha sanidade pública e de calidade, evitando a precariedade das contratacións e a substitución dos médicos que por enfermidade ou vacacións deixan vacante o seu habitual posto de traballo. Neste sentido, o alcalde fai notar as mobilizacións que se están a dar en outros puntos de Galicia, especialmente na zona de Vigo, así como o apoio explícito do goberno municipal de Neda a estas reivindicacións.