Radius: Off
Radius:
km Radio de xeolocalización
Atopar

O GRUPO INFANTIL DE TEATRO PECHA O CURSO COA OBRA ”E TI DE QUEN VÉS SENDO”

Neda, 21 de Xuño de 2018. Os trece alumnos do grupo infantil da Escola Municipal de Teatro de Neda pecharán o curso coa representación da obra “E ti de quen vés sendo”, de Cándido Pazó. Será este venres na Casa da Cultura. A función dará comezo ás 21.00 horas.
Os nenos e nenas actuarán baixo a dirección de Chus Prieto. É a profesora que está ao fronte do grupo desde que no mes outubro arrincara este primeiro curso da escola de Teatro cunha participación de máis de vinte persoas, entre menores e adultos.
A entrada é gratuíta, aínda que é obrigatoria a retirada de convites para controlar o aforo (máximo 120 persoas).
A obra conta a “peripecia do Anfitrión e o seu escravo cando son suplantados polos deuses Xúpiter e Mercurio mentres están na guerra. O motivo deste engano é o desexo amoroso de Xúpiter por Alomena, a muller de Anfitrión”.
O fin de curso dos maiores será o seguinte venres, día 29, e dará lugar á representación da obra “A pocema”, a partir das 20.30 horas na Casa da Cultura. Para asistir tamén será necesario recoller os convites na Casa da Cultura.