Radius: Off
Radius:
km Radio de xeolocalización
Atopar

O MAGOSTO EN NEDA CELEBRARASE ESTE SÁBADO CON PASARRÚAS, MÚSICA, CASTAÑAS E QUEIMADA

Neda, 25 de Outubro de 2018.- O Concello de Neda convoca á veciñanza a sumarse á festa do
Magosto programada para o próximo sábado (día 27) e na que haberá talleres, música e pasarrúas
que farán tremer a máis de un.
A Casa das Palmeiras acollerá as dúas primeiras actividades, que consistirán ás 18.00 horas
nun obradoiro de maquillaxe, a cargo da empresa de animación infantil Divershow, e na actuación
de Cé Orquestra Pantasma, a partir das 18.30 horas. Esta última cita está incluída na Rede
Cultural da Deputación da Coruña.
A partir das 19.30 horas a festa trasladarase ao centro histórico da vila de Neda. Orientado
a un público familiar, as rúas Sobreavila e Os Castros convertéranse durante unhas horas no
escenario perfecto polo que discurrirá o pasarrúas que levará aos nenos e nenas a chamar ás
portas das casas para acadar doces e larpeiradas. A veciñanza contribuirá ao éxito da misión coa
decoración das casa para que os participantes saiban onde parar. A senda das ánimas, tamén
denominada “pasarrúas de medo”, terá como referencia a rúa Real e contará coa animación do
grupo O Aturuxo de Melpómene e máis do alumnado adulto da Escola Municipal de Teatro nesta
a súa primeira edición.
A continuación, a celebración dará lugar á degustación gratuíta de castañas e de bolos preñados
e á actuación do dúo Eva e Camilo. No descanso do concerto haberá reparto de queimada
entre todos os asistentes e a escenificación do tradicional conxuro con música celta e ambientación.
Tempo para o Teatro
A programación do ciclo Tempo para o Teatro terá continuidade este venres coa representación
da obra “Nacidas libres”, a cargo do grupo Contraproducións. A sesión dará comezo ás
20.30 horas e será na Casa da Cultura. O prezo da entrada é de dos euros a de adultos e de un
euro a infantil.