Radius: Off
Radius:
km Radio de xeolocalización
Atopar

O TEATRO FOCALIZA A ACTIVIDADE CULTURAL DOS PRÓXIMOS DÍAS EN NEDA

Neda, 15 de Outubro de 2018.- Dúas son as posibilidades que a veciñanza de Neda terá a próxima fin de semana para desfrutar das artes escénicas.
Así, o día 19 arranca o ciclo “Tempo para o teatro” coa obra “Castrapo”, unha peza de Gustavo del Río, na que o autor narra a viaxe de regreso a Galicia dun escritor galego emigrado a Madrid, na que se atopa co seu pasado e coa necesidade de buscar as súas raíces. “Castrapo fala do que fumos e xa non somos e do que somos e xa non seremos”, segundo a compañía Náufragos Teatro, responsable da posta en escea. A función será na Casa da Cultura e dará comezo ás 20.30 horas. O prezo da entrada é de 2 euros.
O domingo día 21 pechará a programación de “Teatro en Familia” coa representación da obra “A nena que quería navegar”, que estará a cargo do grupo Redrum. Trátase dun espectáculo destinado a un público familiar, principalmente infantil, de entre 6 e 12 anos, no que se aborda o problema do acoso escolar ou bullying. Esta cita será ás 18.30 horas e tamén terá lugar na Casa da Cultura.
Con Harry Potter finaliza “Ler conta moito”
O que tamén pecha é o programa de animación á lectura “Ler conta moito” . Será mañá martes 16, ás 12.00 horas, co espectáculo-charla científica “A ciencia de Harry Potter”, que David Ballesteros Álvarez impartirá a alumnos de 4º, 5º e 6º de Primaria. Trátase dunha iniciativa de inspiración literaria coa que nenos terán a oportunidade de achegarse ao mundo creado por J.K. Rowling e a posibilidade de analizar desde a óptica da ciencia se o universo literario de Harry Potter pode ou non ser real.