Radius: Off
Radius:
km Radio de xeolocalización
Atopar

POLÍTICA SOCIAL CONTRIBÚE CON 18.000 EUROS AO EQUIPAMENTO DA ESCOLA INFANTIL “OS PELEGRÍNS”

Neda, 10 de Xullo de 2018.- O Concello de Neda vén de firmar un convenio de colaboración coa Consellería de Política Social para contribuír ao equipamento da escola infantil “Os Pelegríns”, un servizo que entrou en funcionamento hai agora un ano e que o equipo de goberno considera clave para garantir o incremento dunha poboación local. A colaboración autonómica ascende a 18.000 euros.
O acordo foi asinado no transcurso dun acto que tivo lugar onte en Santiago de Compostela e no que estiveron presentes o titular da devandita consellería, José Manuel Rey Varela; o xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez Muíño, e o alcalde, Ángel Alvariño Saavedra.
No encontro foron abordadas outras cuestións como a participación do Concello de Neda nun plan autonómico polo que as escolas infantís recibirán unha axuda de 7.000 euros por cada unha das aulas que teñan en funcionamento -no caso de Neda serían 14.000 euros- e o compromiso de incrementar o número de usuarios do servizo de asistencia ao fogar, unha prestación social moi necesaria e demandada nun municipio no que viven 1.500 persoas maiores de 65 anos.
O titular da Consellería de Política Social, José Manuel Rey Varela, tamén comprometeuse a estudar a posibilidade de que os maiores de Neda poidan facer uso do centro de día de Caranza, no que a día de hoxe existen 40 prazas vacantes, á espera de que o Concello dispoña do seu, un obxectivo sobre o que xa está a traballar o equipo de goberno.
Pola súa banda, o alcalde valorou a posibilidade de que o Concello participe no servizo “Xantar na casa”, unha iniciativa autonómica dirixida ás persoas maiores que “pode ser de gran interese para as persoas de certas idades, que vivan soas ou que teñan algún tipo de discapacidade”, segundo apuntou Alvariño Saavedra.