Radius: Off
Radius:
km Radio de xeolocalización
Atopar

Quén somos

 escudo-concello-de-neda

Neda é un pequeno municipio da Coruña, situado no fondo da Ría de Ferrol. Conta cunha poboación que apenas pasa os 5.800 habitantes, nunha superficie de 24 quilómetros cadrados, que se estenden, desde a ribeira da ría, seguindo en chaira polos vales dos ríos Belelle, Xuvia e Castro; e ascendendo ata os montes Ancos, Marraxón e Louseira. Aínda que aparece citada por primeira vez en documentos do século X (“Nida”, nun texto do ano 936), conserva restos megalíticos e castrexos, o que é indicativo da importancia desta zona desde a antigüidade. O seu capital, San Nicolás, mantén formas medievais e conserva edificacións dos séculos XVII e XVIII. Podemos afirmar que na Idade Media Neda era unha vila importante, na que residían notables familias, algunhas enterradas na igrexa parroquial.

Durante aqueles anos Neda foi coñecida polo seu porto comercial e o seu estaleiro, no que foi construído o barco que participou na reconquista de Alxeciras, en 1344, o que fixo que o rei Alfonso XI concedese a Neda os foros, que favoreceron a súa economía.

Se nos referimos ao patrimonio natural, temos que citar o río Belelle, un dos seus eixos de desenvolvemento no pasado. Nas súas beiras tivo lugar a evolución da sociedade da vila, e as súas primeiras industrias forxáronse grazas ás súas augas. Aínda hoxe perviven os muíños que abasteceron ás industrias panadeiras, tanto os dos pequenos negocios familiares como as denominadas “Casas Reais” ou “Fábricas de Biscoito”, propiedade da Casa dos Austrias, que fornecen o pan e as galletas consumidos polos mariñeiros nas travesías.

Na zona da Fervenza aínda se pode gozar da vexetación típica dos bosques oceánicos, polo que podemos afirmar que algo nos queda daqueles bosques de Neda, famosos e apreciados nos séculos pasados, grazas á boa e abundante madeira que ofrecían. Grazas a esta riqueza madeireira funcionaron os estaleiros na desembocadura do Belelle, ao mesmo tempo que se abastecía ás vilas veciñas.

A riqueza natural desta zona fai que non sexa raro atopar animais pouco visibles noutros lugares: gaviláns, garzas e patos, que aniñan e crecen na desembocadura, onde hai unhas interesantes marismas, e ata non fai moito podiamos ver lavercas.