Radius: Off
Radius:
km Raio de xeolocalización
Atopar

IDADE MEDIA:

Na Idade Media xa era coñecido o pan de Neda, na época de predominio dos Andrade, cando se dicía: “Cocede panadeiras que aí ven Fernán Pérez”.

ÉPOCA DE FELIPE II (ANO 1580)

A importancia histórica que ten o pan de Neda, arrinca documentalmente, nada menos que do século XVI, cando por orde do rei Felipe II establecéronse na vila os chamados Fornos de Provisión ou Fábricas do Biscoito, no ano 1588. Neles elaborábase a galleta ou biscoito para a Armada que saía de Ferrol a loitar contra Inglaterra; ou ás que ían ou viñan de Flandes.

Para o emprazamento dos fornos, en Neda, tívose en conta a situación abrigada da vila, xunto á desembocadura do Río Belelle, que movía varios muíños fariñeiros. Tamén se tivo en conta as calidades da auga para a elaboración da galleta.

Os fornos estaban situados no lugar chamado ata hai poucos anos “Campos dos Fornos”: un enorme rectángulo desde a rúa de “Sobre a vila” ata o lugar denominado “As Viñas” e “Alto de Piñeiros”.

Estes fornos estiveron en funcionamento durante dous séculos.

SÉCULO XVIII   MARQUÉS DA ENSEADA

Polo Catastro sabemos que en 1752 aínda se cocía pan nos Fornos Reais para as tropas, pero en 1837 unicamente quedaban algunhas edificacións, que en 1860 pasábanse a destinar a Casas Escola.

SÉCULO XIX

No S. XIX, por referencias no Dicionario de Madoz, había en Neda 44 muíños fariñeiro e unha acea na que por medio de máquinas impulsadas pola auga, separaban o salvado da fariña ao mesmo tempo que executaban a moenda.

SÉCULO XX

A principios do S.XX rexistrábanse 19 muíños, 15 fornos e 43 homes e mulleres dedicados ao oficio panadeiro.

Chegados ao ano 1939 debemos facer dous apartados: un antes da Guerra, onde o mercado do trigo era libre de compra e venda; e outro despois da Guerra, cando se intervén o trigo, dando orixe ao estraperlo.

Un punto e aparte na vida dos muíños constituíuna a actividade que levou a cabo a partir de 1939 -tras a Guerra Civil- sendo de tan mal recordo para todos os que exercían o oficio da moenda. Nestes anos o trigo estaba intervido polo Estado, sendo o único comprador e vendedor o Servizo Nacional do Trigo. Así pois, tanto a Institución como a Fiscalía Nacional de Taxas encargábanse de deixar, en todos os muiñeiros un triste recordo, levando practicamente á ruína a todos os muíños que facían unhas fariñas tan exquisitas que deron fama ao pan de Neda.

Pasados uns anos foise suavizando un pouco a intervención.